Tempo de dar contas: Veciñanza garante compromiso e responsabilidade

Pasado un mes das eleccións municipais do 24 de maio, Veciñanza explica os pasos dados ata o día de hoxe na procura dun Goberno Municipal forte e estable. A seguir reproducimos integramente o documento exposto na asemblea informativa celebrada en Cuntis o venres 26 de xuño e que tamén foi remitido aos medios de comunicación.

Veciñanza presentouse ás eleccións municipais do 24 de maio sendo coñecedora de que Cuntis necesitaba mudar de rumbo para saír da involución e do declive no que se ve inmerso. Os bos resultados obtidos propiciaron que fose posible configurar unha maioría alternativa ao Partido Popular. Os acordos, os pactos e o entendemento están na base da democracia e cuestionar a lexitimidade destas fórmulas é amosar unhas febles conviccións democráticas. Se alguén saíu perxudicada do sistema electoral foi a candidatura de Veciñanza, cuxos dous representantes electos tiveron un custe en votos moi superior ao das demais forzas políticas.

11403052_1597270147216236_6654643159472298776_nVeciñanza exerceu a responsabilidade máis absoluta nos días posteriores ao 24 M, reuníndose tanto bilateralmente co PSOE como a tres bandas con PSOE e BNG. Eses foron os únicos contactos mantidos por Veciñanza na procura de acordos tanto para a investidura como para a conformación dun goberno municipal eficaz e capacitado. Foron días de confusión e rumoroloxía interesada, á que Veciñanza non contribuíu mantendo en todo momento unha postura prudente e responsable. A liña de respecto e limpeza ética (tanto na rúa como nas redes sociais) que nos caracterizou durante a campaña electoral mantivémola despois do 24 M. A transparencia e o dereito a unha información certa e seria non é compatible coa contaminación interesada a golpe de titulares de prensa.

Durante as conversas previas ao Pleno de Investidura, a postura de Veciñanza foi en todo momento de máxima responsabilidade, asumindo as características propias dunha negociación de boa fe e as necesidades de rigor ante a importancia do que estaba en cuestión: o goberno de Cuntis. Tanto é así que asinamos (xunto a PSOE e BNG) un pacto de investidura para elixir ao novo alcalde, á procura de impulsar un cambio imprescindible.

De cara á conformación de Goberno tan só Veciñanza exerceu a negociación, aceptando cesións mentres as outras dúas forzas establecían puntos innegociables. Veciñanza pretende en todo momento formar un goberno estable, forte e serio, pero as propostas de BNG e PSOE a día de hoxe non se sitúan nos mesmos parámetros. Máis centrados nun reparto de cromos que nun programa de goberno, atados a posturas máis estéticas que prácticas, negáronse en rotundo a facilitar unhas condicións de gobernabilidade que requiren dispoñibilidade e tempo para traballar, que foi o noso único compromiso cos veciños. Dende Veciñanza enténdese que un dos nosos representantes precisa unha dedicación exclusiva (cun salario moi razoable*) para dispor do tempo necesario para e traballar no Goberno Municipal. Sen esas bases necesarias non podemos asumir con garantías as tarefas de goberno. É unha cuestión de pura responsabilidade política. Nós non estamos simplemente para repartir concellarías, nós queremos traballar e poñernos ao servizo dos veciños/as.

De non ser posible dispoñer desas condicións, que pasan unicamente pola dispoñibilidade de tempo para gobernar, Veciñanza optará por cumprir co compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Cuntis dende unha oposición seria, leal e construtiva.

*Segundo o código ético interno aprobado por Veciñanza, o salario dos seus cargos públicos será como máximo de 2’25 veces o SMI, é dicir, o Salario Medio Galego, que son en total 1460 euros. Dende Veciñanza entendemos que o salario dos representantes públicos ten que ser realista e manter a relación co entorno no que se exerce a representación, non pode ser unha cuestión ao azar e, no noso caso, queda ancorado a dous indicadores públicos recoñecibles e identificables por todo mundo.

Share

Tamén pode gustarche...